Friday 19 de April de 2024

A área de Cultura aumenta os seus fondos en 3,1 millóns de euros nos Orzamentos 2022


Grazas ao acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica, refórzase o apoio a un dos sectores máis golpeados pola crise e a pandemia, que xera o 3% do PIB da cidade

Crearase un novo Consello Local da Cultura para facilitar o diálogo, que terá unha primeira xuntanza de presentación o vindeiro 28 de marzo

Ponse en marcha un programa de residencias artísticas para apoiar directamente á creación local, dotado con 150.000 euros

O proxecto de Orzamentos do Concello da Coruña para 2022, froito do acordo entre o goberno local do PSdeG-PSOE e a Marea Atlántica, contará cun incremento de 3,1 millóns de euros nos fondos destinados á area de Cultura. Desde xeito, ambas forzas políticas queren reforzar o compromiso municipal cun dos sectores máis golpeados pola crise e a pandemia.

Dentro do pacto político que fai posible a aprobación dos novos orzamentos inclúese, ademais, a creación do Consello Local de Cultura no que estará representado o sector na súa pluralidade e todos os grupos políticos municipais, para consensuar as medidas destinadas ao tecido cultural da cidade. Así, o próximo 28 de marzo terá lugar unha primeira xuntanza dese órgano, coa asistencia da alcaldesa Inés Rey e da voceira da Marea Atlántica, María García, para darlles a coñecer a proposta de regulamento do Consello e recabar as súas achegas.

En 2022 ábrese tamén unha política cultural novidosa, como é o programa de residencias artísticas, dotado con 150.000 euros en 2022. Servirá para que o Concello apoie de xeito directo ás creadoras e creadores locais, que poderán exercer o seu traballo en teatros, equipamentos especializados, bibliotecas, centros cívicos e no espazo público.

A voceira da Marea Atlántica, María García, salienta o compromiso que as instituciónsdeben manter coa cultura, pois “é un sector que non só favorece a creatividade e o pensamento, senón que representa unha parte importante do emprego e a riqueza da Coruña”. En concreto, en 2021 achegaba o 3,2% dos postos de traballo na cidade, o 2,9% das empresas e algo máis do 3% do PIB, aínda que o seu peso se viu minguado pola crise.

Pola súa banda, o portavoz do Goberno municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, destacou que a aposta pola Cultura é unha das bases do goberno municipal. “O reforzo ao sector cultura é especialmente necesario, ademais, nun momento como este, marcado por dous anos de pandemia e agora tamén pola incertidume económica pola situación internacional, por iso ampliamos o noso apoio”, indicou Lage Tuñas.